06 maio, 2024

FAMILIAS NA ESCOLA: HISTORIAS DE PAPEL

En segundo de primaria recibiron unha visita moi especial. A nai de Rosalía sorprendeu a nenos e nenas construíndo unha historia de papel.
Preguntarédesvos: Debuxando? Coloreando? Escribindo?...
Pois non. Construíron unha historia dobrando papel, coa técnica xa milenaria do origami.
Das súas mans e das dos pequenos e pequenas saíron cruces, xerséis, pantalóns, barcas, mesas, estrelas e ata unha caixa de bombóns!
Moitísimas grazas por vir!!!
Aproveitamos para lembrar que as familias sodes sempre benvidas no Feliciano Barrera. Só tedes que programar unha hora coa titora do voso fillo ou filla e regalarlles un día inesquecible. Animádevos!

 

24 abril, 2024

A ESTRELA DA AMIZADE


Continuamos traballando a autoestima no noso Obradoiro de Habilidades Sociais e Emocionais. Nesta ocasión, a través das "estrelas".
A idea é sinxela: todos e todas somos estrelas en algo. Pode ser algo moi rechamante como o cine, ou a música... ou algo máis do día a día como ser amable, ou inventar xogos divertidos.
Representamos a cada neno e nena cunha estrela de cartolina na que, en cada punta, os seus compañeiros e compañeiras escriben unha calidade positiva.
En total: cinco inxeccións de autoestima para cando necesiten lembrar por que son estrelas!

 

17 abril, 2024

A RULETA DA AUTOESTIMA


 

Como xa sabedes, de 2º a 6º de primaria levamos a cabo, desde principio de curso, o noso Obradoiro de Habilidades Sociais e Emocionais.
Estamos moi contentos e contentas coa experiencia.
Hoxe, no Círculo Seguro de 2º de primaria, fixemos un breve repaso das emocións básicas e xogamos a un novo xogo: A Ruleta da Autoestima.
É un recurso simple e poderoso: un protagonista, unha ruleta e que o azar decida como os nosos compañeiros e compañeiras farannos sentir mellor. Poden dicirnos as nosas mellores calidades, poden darnos unha aperta se nos apetece, poden facer con nós unha coreografía de mans, poden dedicarnos un aplauso...
O único malo da experiencia foi que quedaron con ganas de máis! Esperamos poder retomar o xogo o vindeiro mércores porque...
A quen lle ván mal quererse un pouquiño máis?

09 abril, 2024

LUZ Y SOMBRA

 


"Luz y sombra"é o título do poema de Tere Acosta que recita para nós o alumnado de 4º de primaria.
E un texto moi fermoso que fala das dificultades para comunicarse e relacionarse que atopan, nos casos máis severos, algunhas persoas con autismo. Pero non só fala de dificultades; tamén fala de pontes, de tradutores, de mapas para entendernos... En fin, unha beleza de traballo!
Animámosvos a escoitalo. 

08 abril, 2024

COMPRENDENDO O AUTISMO


Comezan a chegar os primeiros vídeopodcast de concienciación sobre o autismo.
Neste programa, os nenos e nenas de 3º de primaria responden a algunhas cuestións básicas como que é o autismo, cando aparece...
Fan unha bonita reflexión acerca de como todos e todas, con autismo e sen autismo, somos diferentes, tanto por dentro como por fóra. 
Falan das súas características físicas, dos seus gustos, do que se lles dá ben... Aproveita a oportunidade para coñecelos un pouco mellor!

 

04 abril, 2024

OS ZAPATOS DE LUÍS

 


Esta semana conmemoramos o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo con variedade de actividades nas distintas aulas.
Comezamos vendo a curtametraxe "Os zapatos de Luís", unha fermosa historia na que un neno con autismo preséntase á súa nova clase.
Describe as súas pequenas teimas, o seu gusto pola orde e a estrutura, a súa literalidade...
Describe unha maneira distinta de percibir o mundo, unha maneira distinta... e marabillosa!!!
#contratos programa #cpinclue #incluet

13 marzo, 2024

MULLERES NA RADIO. 3º DE PRIMARIA


Seguimos na onda!
Despois da achega de educación infantil coa súa entrevista a Cristina Lasvignes, é a quenda de 3º de primaria.
escolleron a unha xornalista das de verdade. Unha muller que comezou a traballar na radio con só dezaoito anos. Directora e presentadora en Radio Nacional de España.
Necesitades máis pistas?
Gañou dous premios Ondas, dous Micrófonos de Prata e un Micrófono de Ouro... entre outros moitos galardóns.
Todo un exemplo de comunicación de calidade.
Xa sabedes quen é?
É Pepa Fernández!
#contratosprograma #cpinclue #igualat

 

11 marzo, 2024

MULLERES NA RADIO. EDUCACIÓN INFANTIL


Este curso a proposta de investigación do centro para o 8M, Día Internacional da Muller, era moi ampla e aberta: mulleres na radio, sen máis instrucións.
Iremos vendo como cada aula desenvolveu o proxecto á súa maneira. Hoxe contámosvos o precioso traballo de educación infantil:
Os nenos e nenas prepararon unha entrevista con Cristina Lasvignes, xornalista madrileña que traballou tanto en radio como en televisión. Seguro que a lembrades de "Hablar por hablar" na cadea SER ou de "Tal cual lo contamos", en Antena 3.
Cristina conectouse cos nenos e nenas por vídeoconferencia e respondeu con amabilidade e paciencia infinitas ás súas múltiples preguntas. Desde "por que che fixeches xornalista?" ata "Cal é a túa comida favorita?"
Un millón de grazas, Cristina, pola túa colaboración!

#contratosprograma #cpinclúe #igualat

 

O NOSO PROXECTO DE IGUALDADE EN PRENSA!

 


Este venres 8 de marzo, Treintayseis, un diario dixital da provincia de Pontevedra, publicou unha entrevista a Alba, a directora do noso colexio.
O tema, como non podería ser doutra maneira o 8 de marzo, era a igualdade. Alba explicou un pouco o que facemos no centro para fomentala e os resultados que observamos no alumnado. 
Deixo ligazón para que poidades lela. Non deixedes de facelo!

https://www.elespanol.com/treintayseis/articulos/cultura/fomentar-el-pensamiento-critico-y-la-reflexion-las-claves-de-los-docentes-gallegos-en-el-8m

#contratosprograma #cpinclúe #igualat

07 marzo, 2024

OBRADOIROS DE IGUALDADE

 


Non buscamos a igualdade o 8 de marzo, nin a semana do 8 de marzo, nin sequera o mes de marzo. Sempre buscamos a igualdade.

Onte e hoxe tivemos unha colaboración moi valiosa na nosa procura. Eugenia Urceira, nuns obradoiros organizados polo CIM (Centro de Información á Muller) de Ponteareas, falou ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria de temas moi importantes. Asertividade, empatía, intelixencia emocional, roles de xénero...

As achegas do alumnado sempre sorprenden cando se lles ofrece un espazo para expresarse.

Moitas grazas ao CIM e a Eugenia por unha experiencia tan positiva.

#contratos programa #cpinclúe #igualat

28 febreiro, 2024

CANCIÓNS DE AMOR E AMIZADE NO FELICIANO BARRERA

 


Hoxe presentamos as cancións que namoran á familia do Feliciano Barrera.
Chegaron acompañadas de bonitas historias: a canción do primeiro baile de papá e mamá, a canción da voda dos avós, a canción que a cuadrilla escoitaba noite e día na adolescencia...
13 horas, 15 minutos e millóns de notas de amor e amizade que construímos entre todos e todas.
Moitas grazas pola colaboración e desculpas por aquelas cancións que non puidemos atopar. 
Fai click na ligazón e goza da música:

https://open.spotify.com/playlist/3phySXTN3kJAaagpbLhd5P?si=he-UWYPySUmq3yFBtXcRNw&pi=e-iR2XitA0SdCV

#contratosprograma #cpinclue#emocionat

22 febreiro, 2024

EMOCIÓNS EN XOGO. NOVA EDICIÓN

 


No obradoiro de habilidades sociais e emocionais que levamos a cabo con todo o alumnado de segundo a sexto de primaria dedicamos o último mes aos xogos.
Cada vez atopamos unha oferta máis ampla de xogos que teñen que ver co recoñecemento e a expresión das emocións. Alegrámonos moito diso!
Este curso seleccionamos os seguintes:
EMOTRIP: Unha viaxe emocional a través de preguntas e divertidas representacións de teatro.
IKONIKUS: Pódense representar emocións complexas a través de debuxos sinxelos? Pois si, pódese.
A OCA DAS EMOCIÓNS: Unha oca tradicional cun enfoque distinto.
FUN FACTS: Xogo colaborativo, coñecernos entre nós puntúa.
FEELINKS: Sabes ponerte no lugar dos demais? Se o consegues, neste xogo seguro que arrasas.
Un mes de diversión e de intenso traballo ao mesmo tempo. 
#contratosprograma
#cpinclúe
#emocionat

19 febreiro, 2024

EXPERIMENTOS EN EDUCACIÓN INFANTIL

 



O 11 de febreiro é o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e en 6º de Infantil aproveitaron a ocasión para lembrar uns conceptos moi sinxelos:

Os estudos de ciencias son unha opción para os nenos e os estudos de ciencias son unha opción para as nenas. Así de simple e así de complexo!

De momento, están encantados e encantadas cos seus experimentos e non nos estraña: Conseguiron recrear o mar e o arco da vella na clase!

Bo traballo, científicas e científicos!
#contratosprograma
#cpinclue
#igualat

15 febreiro, 2024

FRASES POLA PAZ 1X06

 


Que gran traballo o realizado polos nenos e nenas de 5º de Primaria! Investigaron, resumiron, expuxeron as súas conclusións... Gozaron e aprenderon, tamén. Que máis se pode pedir?
Animámosvos a escoitar a súa selección de frases de Mahatma Gandhi, Martin Luther King, Nelson Mandela, John Lennon, Albert Camus e Abraham Lincoln. 
#contratosprograma
#cpinclue
#emocionat

IOGA NA ESCOLA. II EDICIÓN

 


No Feliciano Barrera finalizamos hai pouco o Obradoiro de Ioga na Escola. Desde Educación Infantil ata 6º de Primaria todos os nenos e as nenas saudaron ao Sol, practicaron o guerreiro de paz e gozaron duns momentos de relaxación guiada; entre outras cousas. O máis importante, conectaron co seu interior, con algo tan complexo e tan simple como a súa propia respiración e fixérono en sintonía cos seus compañeiros e compañeiras. Momentos de calma no medio do trafego diario sempre son benvidos.
#contratosprograma
#cpinclue
#emocionat

SORRISOS POLA PAZ. FRASES POLA PAZ 1X05

 


En 1º de Primaria os nenos e nenas escolleron unha preciosa frase da Nai Teresa de Calcuta que, ademais, define moi ben a súa actitude ante a vida. Anímovos a escoitar as súas palabras!
#contratosprograma
#cpinclue
#emocionat

FRASES POLA PAZ 1X04

 


Gran traballo de investigación e reflexión o que realizaron en 3º de Primaria. Seleccionaron persoas moi diversas en moi diversas situacións. O mundo da literatura, da ciencia, da música, da política e da teoloxía atoparon un punto de encontro: o desexo de Paz.
Podedes escoitar a Eleanor Roosevelt, John Lennon, Albert Einstein, Bert Hellinger e Nelson Mandela grazas a que os nenos e nenas de 3º de Primaria prestáronlles a súa voz. 
#contratosprograma
#cpinclue
#emocionat

LOVE IS IN THE AIR

 


Onte, 14 de febreiro, foi o día do Amor e da Amizade e no Feliciano Barrera queremos celebralo con música. 
O curso pasado pedímosvos a vosa colaboración para elaborar a lista de cancións máis felices do mundo. Este ano faremos o propio coas mellores cancións de amor e de amizade. 
Entre hoxe e mañá chegaravos a casa unha nota como a da imaxe. Só tedes que devolvela cos títulos das vosas cancións e, entre todos os membros da nosa comunidade, mostraremos ao mundo como se expresa o amor a través da música.
Agardamos a vosa selección!
#contratos programa
#cpinclue
#emociona-t

04 febreiro, 2024

FRASES POLA PAZ 1X03


PAZ NA DIVERSIDADE.
Que poden ter en común un escritor de Texas, unha monxa católica de orixe albanesa e un músico de rock de Washington?
2º de Primaria responde: amaban, buscaban e desexaban a paz.
Escoitade as frases de Robert Fulghum, a Nai Teresa de Calcuta e Jimi Hendrix coas voces das nenas e nenos de 2º de Primaria.
#contratosprograma
#cpinclue
#emocionat

FRASES POLA PAZ 1X02

 


Anteriormente escoitabamos aos nenos e nenas de 4º de Primaria dar voz ás palabras de Nelson Mandela acerca da paz. Hoxe, cambiando de rexistro completamente, escoitamos o que os pequenos e pequenas de educación infantil opinan acerca do que é a paz. 
desde os pensamentos máis prácticos como "para min a paz é recoller os xoguetes"; ata os máis profundos, como "para min a paz é coidar o mundo". Todos pensamentos válidos, todos pensamentos fermosos.
Convidámosche a subir o volume e descubrir a filosofía infantil.
#contratosprograma
#cpinclue
#emocionat

FRASES POLA PAZ 1X01


Hoxe, Día Escolar da Paz e a Non Violencia, compartimos convosco a frase seleccionada polos nenos e nenas de 4º de Primaria para conmemorar este día.
A paz necesita palabras, a paz necesita feitos, pero tamén necesita referentes; e non puideron escoller un mellor: Nelson Mandela.
Seguiremos compartindo outros traballos destas "Frases pola Paz" que xurdiron nas distintas aulas. Un gran traballo!
#contratosprograma
#cpinclue
#emociont

11 xaneiro, 2024

BARREIRAS QUE DERRUBAR

Todos os anos, no mes de decembro, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, desenvolvemos actividades de concienciación sobre as dificultades concretas que as persoas con discapacidade afrontan no seu día a día. 
Nesta ocasión, os nenos e nenas investigaron as barreiras arquitectónicas (evidentes e non tan evidentes) que temos no noso centro. Ademais, o alumnado de sexto de primaria expresou, por escrito, distintas peticións dirixidas á alcaldesa do noso concello. O primeiro paso para derrubar calquera tipo de barreira é ser consciente da súa existencia. Bo traballo!
#contratosprograma
#cpinclue
#incluet


30 novembro, 2023

25N RIMAS POLA IGUALDADE. A DRAGOA SIXTA

 


Presentamos hoxe o poema que traballaron en 3º de Primaria para a actividade "Rimas pola Igualdade", pola conmemoración do 25N.
A mensaxe principal que quixeron transmitir é que o deporte, en xeral, e o fútbol, en particular, non sabe nin de xénero nin de sexo.
Goza do fútbol se che gusta; sexas home, muller, dragón ou dragoa!
#contratosprograma
#cpinclue
#igualat

29 novembro, 2023

25N RIMAS POLA IGUALDADE. A PANTASMA ANTÓN

 


En cuarto de primaria aproveitaron a conmemoración do 25N para falar de igualdade, concretamente de igualdade á hora de encargarse das tarefas do fogar. Para iso recitaron, ilustraron e traduciron o poema "El fantasma Antonio", de Carmen Gil.
É importante dar ás tarefas domésticas o valor que teñen, sexas home, muller ou pantasma... que o castelo non se limpa só!
#contratosprograma
#cpinclue
#igualat

26 novembro, 2023

25N. RIMAS POLA IGUALDADE. E TI, SÓ TI


Este 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, o alumnado de sexto recitou "E ti, só ti" unha canción do grupo alicantino El Diluvi e a cantautora coruñesa Sés.
Nenas e nenos lembráronnos en verso a súa convicción de que, en materia de igualdade "sabes ben que mañá será mellor". Axudémoslles a que sexa unha realidade hoxe!

#contratosprograma
#cpinclue
#igualat