18 xuño, 2023

VISIBILIZACIÓN DO TEA

Hoxe é o último dia do mes de abril, mes que dedicamos no Feliciano Barrera á visibilización do amplo e complexo TEA (Trastorno do Espectro Autista) Este curso cada aula, ao seu ritmo e co nivel de complexidade adecuado, explorou a biografía de distintas personalidades con autismo e as súas importantes achegas á sociedade. Desde Mozart ata Greta Thungberg, pasando por Albert Einstein… O mundo das artes, das ciencias e, en xeral, calquera ámbito da actividade humana; viuse enriquecido en gran medida por persoas que se poden incluir dentro do espectro autista.



CONTRA O ACOSO ESCOLAR EU PODO…

Esta foi a proposta para o II Concurso de Carteis Inclusivos do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera. Os nenos e nenas demostraron, como sempre, que teñen grandes ideas para solucionar grandes problemas, como pode ser o acoso escolar. No vídeo podedes ver unha mostra dalgunhas delas.
En todas as clases, desde os 3 anos ata os 12, fixeron importantes reflexións. Agora é a nosa quenda, como profesorado do centro, de atendelas e contribuír a que a escola sexa unha contorna amable e segura para a totalidade do noso alumnado. Ollos sempre abertos!
Ao longo desta semana daremos a coñecer ás gañadoras e gañadores do concurso.



OBRADOIRO DE COEDUCACIÓN


Esta semana foi a última sesión do obradoiro de coeducación, destinado ao alumnado de 5º e 6º de Primaria. Nel tratáronse cuestións como os cambios físicos que están a vivir ou que vivirán en breve coa puberdade e o respecto polas diversas orientacións sexuais ou identidades de xénero. Tres intensas sesións nas que os protagonistas foron os nenos e nenas e os contidos estiveron enfocados nas súas dúbidas, inquietudes e opinións. Unha experiencia moi positiva.




DÍA DA FAMILIA 2023

Este ano celebramos este día convidando as familias de infantil a vir ao colexio para facer unha actividade cos nenos e nenas. Houbo moita variedade: música, contos, manualidades, unha sesión de relaxación, unha presentación de fotos e recordos... Sabemos que non é fácil para moitos de vós sacar tempo dos vosos traballos ou outras obrigacións para estar connosco, por iso agradecemos tanto as visitas. Se este ano non puido ser, non vos preocupedes, o centro sempre está aberto ás vosas suxerencias e haberá máis ocasións como esta.