15 xaneiro, 2023

10 de outubro: Día Mundial da Saúde Mental.

Este é o primeiro curso que programamos no colexio actividades para traballar o concepto de saúde mental, pois pensamos que nunca foi tan necesario como agora. Para a OMS, resumindo moito, unha persoa que goza dunha boa saúde mental é aquela que se atopa nun estado de benestar no que pode desenvolver o seu potencial; afrontar as tensións normais da vida; traballar ou estudar e achegar algo á súa familia ou comunidade. A partires desta definición, pedimos aos nenos e nenas que nos contasen que ferramentas ou estratexias axúdanlles a sentirse ben. Pensamos que a tarefa quizais sería complicada para os máis pequenos e pequenas pero, unha vez máis, demostráronnos que non debemos subestimar as súas capacidades. Nas imaxes podedes ver os murais que fixeron os nenos e nenas do centro coas súas recomendacións para sentirse ben: "escoitar música, respirar, pasear pola natureza, ler, falar con alguén de confianza..." É sorprendente a intuición que teñen para todo o que é importante. Tamén chamounos moito a atención como a maioría dos nenos e nenas recomendan axudar aos demais como estratexia para sentirnos mellor eles e elas. Mergullando pola rede, atopamos as recomendacións de prestixiosas institucións sanitarias para mellorar a nosa saúde mental. Todas elas coinciden nos seguintes puntos: 

 1. Facer exercicio de maneira regular, se é posible, ao aire libre. 
 2. Levar unha dieta saudable e equilibrada. 
 3. Coidar a cantidade e calidade do soño. 
 4. Permitirnos sentir todas as emocións, non reprimilas. 
 5. Establecer metas e obxectivos a curto, medio e longo prazo. 
 6. Reservar momentos para dedicar a nós mesmos e mesmas. 
 7. Relacionarnos con máis persoas.
 8. Pedir axuda cando a necesitamos. 

Como podemos ver claramente, os nosos nenos e nenas coñecen o camiño cara a unha boa saúde mental na teoría. Agora será labor das familias e da escola botarlles unha man coa práctica.






Ningún comentario:

Publicar un comentario